A.C.D.X. FASQUÍA
 
 
  ::. Regatas_
::. Blog de novas
::. Entrevistas
::. Galería
::. Enlaces
::. Actividades
::. Descargas
::. Artigos
::. Trof. Fasquía
::. Desafío a Tope
 

A dorna de Tope: símbolo da nosa tradición mariñeira

A vida na Dorna de Tope vivida en Primeira Persoa por Santiago Rodríguez Dios
Mónica Leiro/Santiago Mougán

Ó empezar este artigo ocorréu- senos comezalo indagando sobre que significarían estas embarcacións para os mariñeiros das nosas rías, como  estes se desenvolvían nelas, así coma  todo o relacionado cá vida do mariñeiro na dorna de tope. Para  contarnos esto mellor cá un libro, tivemos a sorte de atopar a mellor das fontes, a experiencia propia de Santiago Rodríguez Dios, mariñeiro de profesión, agora xa xubilado, que a punto de cumprir os 93 anos, vainos a achegar ata a vida do mariñeiro na Dorna de Tope, máis de oitenta anos atrás.

A vida na Dorna de Tope por Santiago Rodríguez Dios:

Santiago Rodríguez Dios
Santiago Rodríguez Dios. Mariñeiro xubilado da Illa

“ Comecei a andar no mar nunha dorna pequena de nove cuartas de quilla, tiña eu sete anos daquela, eran os anos vinte e eu non era nada. Fomos para os cangrexos a Noia, alí había moitos, eso dicían pero non collemos e fómonos para Baiona, á Ramallosa e de alí viñémonos de volta para a ría de Marín, á illa de Tambo, onde tamén os había, porque por alá, non atopamos cangrexos. Este non foi o meu caso só, xa que todo aquel que tivera de sete anos para arriba, xa ía có seu pai para o mar e non daba tempo a ir a escola, houbo que aprender no medio da xente, cando se andaba na embarca-ción, a min dábaseme porque me fixeran contas para aprendelas e  máis por ler a cartilla que se levaba, que era un libriño onde estaba toda a relixión e esa sabíamola toda a cantar. Algúns anos máis tarde tivemos unha Dorna de Tope, só se diferenciaba das outras dornas pola construcción, xa que estas eran a tope e as outras á escarva, pero a esencia era a mesma para os dous tipos, xa que para o mar, as dúas eran igual de valentes e había que ir a tódolos oficios con elas, quizais a vantaxe que tiñan as de tope era que eran máis liviáns para vogar e se sufrían unha avaría amañábanse mellor que as de escarva .

Cando nós nos fixemos con ela, na Illa había bastantes dornas de tope, habías de dous tamaños segundo o oficio ó que se dedicara, as máis pequenas andaban ós tramallos ou os piobardos e levaban dous mariñeiros mentres que as máis grandes xa tiñan que levar catro ou cinco homes porque andaban ó xeito ou o medio mundo, ás veces incluso ó mexillón para vender uns na fábrica e outros no Carril para as paredes dos viveiros. Os de Cambados andaban con elas ás vieiras e outros ían con bous de dúas pernas grandes, que parecían boliches, ós chopos. Cada  un andaba ó que podía. Lembro cando íamos a pescar ata Fisterra ó xeito,votábamos oito días no mar e logo víñamos para  a Arousa porque había que encascar as pezas e volviamos a saír de novo.Algúns xa as encascaban alá  e votaban quince días sen vir. Cando saiamos a pescar,   faciamos toda a vida na dorna, non se ía a durmir a terra, durmíase debaixo da tilla e  comíamos na dorna. Tíñamos unha louza que lle chamábamos a Lareira, era unha pedra redonda que se poñía enriba do panel da dorna baixo a cal lle votábamos un pouco de area, encima da lareira poñiamos unha vara de lado a lado, poñías unha caldeireta e amarrábase a caldeireta cun pao quedando colgada. Cando facía mar e vento rulaba e había que estar aguantándoa cun pao para que a caldeireta non anduvera coma unha campá.

Despois da lareira levouse un bidón para meter a leña e unha parirlla para poñer a caldeireta enriba. Cando estabamos por aí comiamos do que se pescaba, igual acababas de dar o lance o asexo e tomabas peixes ou non tomabas, fondeábamos cerca das pedras e pescabamos peixes das pedras en vez das sardiñas, que xa aburrían, así polo menos comiamos outra clase de peixe como congros, xulias ou fanecas. Andabamos cos peixes salgados, metíalos nunha escurela, xa que daquela non tiñamos neveira, nela salgabamos os peixes e cando non colliamos votabamos man dos que tiñamos na escurela e poñiamolos a remollo para cocelos con patacas.

<<Paxina anterior - 1 2 3 4 - Seguinte paxina>>

 
Todolos dereitos reservados © 2008 A.C.D.X. FASQUÍA / Prohibida a sua reproducion por calquera medio
Esta páxina web en galego tivo unha axuda outorgada pola: